Thursday 16 de May de 2024

Unha ampla programación conmemora a próxima fin de semana o 50 aniversario do falecemento de Pablo Ruiz Picasso


Varias exposicións, un programa de radio aberto ao público e percorridos teatralizados centran as celebracións en recordo do Picasso novo e da súa presenza na cidade

O sábado pola tarde e o domingo pola mañá desenvolveranse catroespectáculos escénicos na Casa Museo, hoxe convertida en casa museo

Instalados os novos paneis informativos da Ruta Picasso, con códigos QR e información detallada da súa etapa na cidade

A Coruña conmemorará esta próxima fin de semana con diversas actividades o 50 aniversario da morte de Pablo Picasso, coincidindo coa data do 8 de abril, o día no que faleceu o xenial pintor. Exposicións, percorridos teatralizados pola Casa Museo Picasso e un programa de radio centran as actividades previstas.

Por tal motivo, o sábado e domingo desenvolverase novas sesións das visitas teatralizadas para recordar a estadía na cidade de Pablo Ruiz Picasso. A iniciativa, englobada no denominado proxecto VINTE, enmárcase dentro da celebración do Ano Picasso.

Promovido pola compañía teatral coruñesa Os Náufragos Teatro, o proxecto VINTE propón recuperar para a cidadanía a memoria do territorio habitado polo pequeno Picasso durante a súa estadía na Coruña, intervindo por medio das artes escénicas un dos principais espazos que marcaron a súa vida na nosa cidade: a vivenda familiar dos Ruiz Picasso na Coruña, na rúa Paio Gómez 14, hoxe convertida na Casa Museo Picasso.

O proxecto, que desenvolveu as súas primeiras actividades o pasado día 3 de febreiro cunha moi boa acollida por parte do público, regresa novamente á cidade cunha nova proposta escénica inspirada na vida e obra do autor.

As novas actividades serán desenvolvidas na Casa Museo os días 8 e 9 de abril, coincidindo co 50 aniversario da morte de Picasso. Nesta ocasión, a actividade principal consistirá nun espectáculo escénico que percorrerá os distintos andares da Casa Museo, desenvolvendo accións teatrais, unha peza performática e elementos musicais e visuais ao longo das súas distintas estancias.

Este percorrido teatralizado virá precedido por unha acción escénica e participativa introdutoria na planta baixa do edificio, na que se recordarán algúns dos feitos, lugares e puntos clave da vida do pequeno Pablo Ruiz Picasso na Coruña.

Os pases terán lugar o sábado 8 ás 17.00 e 19.00 horas; e o domingo 9 ás 11.00 e 13.00 horas. Todas as actividades son de balde e a inscrición pode facerse directamente no formulario: https://forms.gle/KrwexYRu7CAuWpf98 ou ben a través do enderezo de correo electrónico osnaufragosteatro@gmail.com ou da conta en Instagram do proxecto
@vinte.coruna

As visitas teatralizadas na Casa Museo Picasso repetiranse ao longo deste ano de celebracións relacionadas co pintor, de tal maneira que o 20 de maio, coincidindo coa celebración do Día Internacional dos Museos, volveranse desenvolver a cargo dos integrantes d’Os Náufragos Teatro. A primeira destas actividades xa se desenvolveu o pasado 3 de febreiro, conmemorando o 20 aniversario da inauguración da Casa Museo Picasso da Coruña.

De forma paralela, o Concello promove tres exposicións que lle renden homenaxe á figura de Picasso dende diferentes perspectivas. A primeira delas é “Abrindo a nosa colección”, que se pode visitar na propia Casa Museo Picasso, no seu horario habitual das 11.00 ás 13.30 horas e das 18.00 ás 20.00 horas en días laborais e das 12.00 ás 12.00 horas en festivos e domingos.

A mostra recolle as obras creadas por outros artistas en 1980 por iniciativa do Partido Comunista para renderlle homenaxe. Entre eles figuran Pablo Serrano, Antonio Saura, Antoni Clavé, Juan Genovés, Lucio Muñoz, Rafael Canogar, Cristóbal Halfter, Federico Mompou, Vicente Aleixandre, Jorge Guillén, Gabriel Celaya, Rafael Alberti e Blas de Otero, que achegaron composicións orixinais. Tamén incorpora textos da poeta Eva Veiga, a profesora de Historia da Arte María Gil Martínez e o musicólogo Xoán Carreira.

A segunda exposición é “En Pretérito Seguinte”, unha colectiva no Quiosco Alfonso de artistas contemporáneos/as coruñeses/as que achegan a súa visión sobre a cidade na que o pintor comezou a súa actividade artística e que tanto o inspirou.

A mostra nace da posta en valor dos e das artistas coruñeses e coruñesas precisamente neste ano tan significativo, no que mundialmente se conmemora o 50 aniversario do falecemento do pintor, e no que se lembran aqueles lugares que foron determinantes para o pintor español, entre eles A Coruña, a cidade na que se formou e deu os seus primeiros pasos no mundo da arte.

A Coruña é unha das poucas cidades picassianas. Aquí viviu a súa adolescencia e a cidade viuno nacer como artista, xa que foi na cidade herculina onde Picasso expuxo por primeira vez. Os seis artistas da exposición “En Pretérito Seguinte”, Correa Corredoira, Manuel Suárez, Lara Pintos, Mico Rabuñal, Pilar Cancio e Samuel Castro, acompañados por textos de Yolanda Castaño, pretenden tamén mostrarlle ao mundo a influencia da cidade sobre eles, esas mesmas rúas, ese mesmo mar, esa mesma sociedade coruñesa que marcou a Picasso e que é determinante tamén nas súas creacións.

A terceira das exposicións, “Villalobo. O vento comezou de novo”, recolle en Palexco cerca dun centenar de obras realizadas entre 1970 e 2022 por Nelson Villalobo. Coa mostra, Villalobo, picassiano confeso desde sempre e na súa práctica artística desde principios dos 90, réndelle homenaxe a Picasso dentro do marco da celebración do 50 aniversario da súa morte, reinterpretando como ninguén a obra do xenial pintor.

A mostra simboliza tamén a influencia que tivo A Coruña en Picasso e o reflexo que o xenial pintor tivo sobre Villalobo, evidenciado na súa serie de Meninas que comeza a inicios deste século e que ten o seu apoxeo noutras obras máis recentes de forte tendencia posmoderna.

A exposición supón, polo tanto, unha oportunidade única para gozar desa conxunción, do Pablo Ruiz Picasso que hai en Villalobo e de toda a potencia dun artista que desenvolve a súa expresión pictórica grazas a esa conexión picassiana e que o converten nese pintor de pintores.

De forma paralela, prosegue no Museo de Belas Artes a exposición “Picasso, branco no recordo azul”, na que colabora o Concello e que forma parte das actividades enmarcadas dentro da celebración do Ano Picasso, e que permite facer un percorrido polos anos de estancia de artista na cidade da Coruña.

Esta fin de semana tamén desenvolverase dende a cidade da Coruña o programa de Radio Nacional de España “No es un día cualquiera”, presentado pola periodista Pepa Fernández.
Será o sábado 8 e o domingo 9, das 8.30 ás 13.00 horas, con espazos monográficos dedicados á figura de Picasso e de maneira especial á súa estancia de neno na Coruña e a influencia que tivo no seu desenvolvemento artístico. O programa, que será no Teatro Colón, estará aberto ao público.

Novos códigos QR da Ruta Picasso

O Concello vén de colocar os novos paneis informativos en diferentes puntos da Ruta Picasso, con novos códigos QR e información actualizada sobre a etapa vital de Pablo Picasso na Coruña. A información, accesible a través dos códigos QR, está dispoñible en tres idiomas (galego, castelán e inglés) co obxectivo de que as persoas que visiten a cidade poidan coñecer máis sobre a vinculación de Picasso coa Coruña.

Os folletos recollen a ruta picassiana, con puntos destacados como o IES Eusebio da Guarda, lugar no que o artista recibiu formación escolar durante a súa etapa na cidade. Tamén outros enclaves como o edificio sito na rúa Real, nº 20, onde Picasso realizou a súa primeira exposición en febreiro do 1895, ou a propia casa da rúa Payo Gómez, na que viviu coa súa familia e que foi reconvertida en Casa Museo. Nela poden verse diferentes reproducións da obra de Picasso na súa etapa coruñesa. Contén tamén un plano da cidade cos diferentes puntos da Coruña de Picasso, recollidos na lenda con información de cada un deles.

Os novos QR conteñen ademais outra información de interese, como a crítica sobre a primeira exposición de Picasso, recollida no Diario de Galicia, ou diferentes obras ou fragmentos delas realizadas na Coruña. Entre elas destaca o óleo do seu can, Clíper, ou o
“Retrato de anciano barbudo”, ambas realizadas no 1895 xunto con “Don José Ruiz de perfil” ou unha imaxe da praia do Orzán, lugar sinalado para o artista. Toda a información pode consultarse a través da seguinte ligazón.